Coeducación. O alicerce do ensino

    AS-PG
    De AS-PG

    A CIG-Ensino e a AS-PG levamos a cabo anualmente unha serie de actividades de formación do profesorado coas que tratamos de contribuír á adquisición de novos contidos e metodoloxías didácticas que repercutan na mellora do ensino.

    A coeducación é para nós un dos principios nos que se debe fundamentar a educación.

    Por esta razón, xunto co interese amosado polo profesorado, cada curso realizamos as denominadas Xornadas das Mulleres, que xa alcanzan a súa décimoquinta edición, e ofertamos unha serie de cursos a distancia sobre ese tema. Motores como fomos sempre deste enfoque imprescindíbel na educación, quixemos colaborar editando o presente libro de xeito que poida axudar o profesorado na difícil pero enriquecedora e necesaria tarefa de coeducar.

    O libro consta de catro capítulos iniciais teóricos e tres con experiencias desenvolvidas recentemente en centros galegos. A realidade móstranos que na maioría dos centros de ensino non existe nin sequera un Plan de Igualdade, primeiro chanzo para poder traballar de xeito organizado e frutífero. Para acadar un bo Plan de Igualdade é preciso que as persoas que o leven a cabo estean formadas e conten con ferramentas para transmitirlle ao resto do centro educativo a necesidade de traballar a igualdade. No capítulo dedicado a este Plan, podemos atopar unha serie de directrices básicas para elaboralo e poñelo en funcionamento. Centramos outro capítulo na violencia de xénero. Ante a sangría de mulleres mortas pola violencia machista, non debemos indignarnos puntualmente senón actuar; a única maneira de freala é a prevención que vén, en boa medida, da man da coeducación.

    Pensamos que é fundamental a formación do profesorado con perspectiva de xénero e advertimos unha forte carencia na formación inicial e continua do mesmo para poder facerlle fronte a esta situación desde as aulas. Concordamos con que a violencia é unha mostra, entre outros aspectos, do fracaso da educación e entendemos que é tarefa fundamental do ensino tratar de poñerlle fin. A atención ao alumnado lgtbiq+ e a prevención da súa discriminación é un dos piares da coeducación.

    É cometido da escola axudar a evitar calquera outro tipo de discriminación. Tamén pensamos que se debe valorar e fortalecer a diversidade afectivo-sexual e de xénero de maneira que se erradique a homofobia e a transfobia nos centros educativos. “Pupitres arcoiris” é o título do capítulo que aborda este tipo de exclusión. Moitas veces atopámonos cunha serie de discriminacións múltiples que converxen nunha mesma persoa. No capítulo adicado á interseccionalidade de xénero como enfoque coeducativo reflexiónase e móstranse recursos metodolóxicos encamiñados a traballar co alumnado o respecto e a inclusión de todas as persoas coas súas singularidades.

    A CIG-Ensino, como sindicato, e a AS-PG, como movemento de renovación pedagóxica, coñecemos a realidade do profesorado do noso País. Sabemos da súa carga horaria, da imposibilidade de formarse en horario lectivo, das numerosas ocasións en que ten que impartir materias afíns, do elevado número de alumnado que atende, etc. A pesar diso, tamén sabemos que a maioría do profesorado esfórzase por mellorar o ensino aínda que a Administración educativa, responsábel desta situación laboral, non facilite nin a súa formación permanente, nin o seu traballo en grupo. Atopamos, porén, docentes, sobre todo mulleres, comprometidas coa diversidade afectivo-sexual, cunha educación feminista e claramente involucradas na eliminación do sistema patriarcal e androcéntrico que vivimos. Exemplos desta implicación e bo facer son as tres compañeiras que nos regalan as súas experiencias co traballo da coeducación nos seus respectivos centros de ensino e que son autoras dos tres capítulos prácticos deste libro.

    Escollemos, pola súa diversidade, centros que escolarizan alumnado de distintos niveis educativos. Valoramos o esforzo destas compañeiras e do equipo de docentes dos seus centros que colaboraron nos proxectos que nos relatan; co seu compromiso fan posible a mellora diaria do sistema educativo. Contrasta esta actitude coa dunha Aministración educativa que non asume na práctica a coeducación xa que non é quen de cumprir a súa propia lexislación sobre este tema.

    Desde a CIG-Ensino e a AS-PG agradecemos ás autoras as súas valiosas achegas e confiamos en que este libro sirva de axuda e de acicate para que a coeducación se estenda a todos os centros educativos e os vertebre de xeito que redunde na transformación nun futuro inmediato da nosa sociedade. Queremos colaborar desta maneira na ruptura de estereotipos e prexuízos; é cometido da educación acadar unha sociedade máis xusta e por esta causa traballamos.