Xosé Velo, Rebelde con causa

Naceu á vida pública galega nos albores da II República. Con só 16 anos, en 1932, a carón do poeta Celso Emilio Ferreiro e de Clodomiro Rodríguez Prenta, cunha vida enteira dedicada a Galiza, participou na fundación das Mocidades Galeguistas de Celanova, as mesmas que nas páxinas do xornal A Nosa Terra afirmábanse como "os primeiros entre os primeiros que queren dar o seu sangue e a súa liberdade pola causa, cheos de impaciencia e fervor patriótico, pola hora da acción".

Fixo parte daquela xeración de ouro esmagada polo fascismo. Secretario xeral das Mocidades Galeguistas, membro da súa dirección executiva nacional xunto a Celso Emilio Ferreiro, o alaricano Xosé Nogueiras e Vicente Bóveda, o irmán menor de Alexandre, Velo desenvolveu unha inxente actividade na expansión territorial, na axitación ao longo de toda Galiza e na clarificación ideolóxica e política. A súa madeira de líder non deixou indiferente ninguén.