"Atopando o camiño" na carreira dos Premios Mestre Mateo

A curta "Atopando o camiño" é candidata aos Premios Mestre Mateo 2020. Unha curta de corte educativo co Camiño de Santiago como pano de fondo que comezou como unha traballo de fin de curso do Colexio Parada-Campañó de Pontevedra e que, pouco a pouco, foi crecendo en equipo técnico e colaboracións altruístas que derivaron nunha curtametraxe que xa formou parte da programación do "Culturgal 2019", da "Mostra de Curtametraxes do Ateneo Ferrolán" e, agora, é candidata oficial aos "Premios Mestre Mateo 2020" na categoría de Mellor Curta de Ficción. 
 
Está codirixida por Andrés Castro (guionista e crítico de cinema do "Nós Diario") e María Fanjul (produtora, escritora de contos infantís e mestra do colexio Parada-Campañó). Ademais de estar protagonizada polos nenos e nenas do colexio (máis de 100 participaron), tamén participou xente como o gaiteiro Óscar Ibáñez (que tamén puxo a banda sonora), Raquel Queizás (actriz e contacontos) ou os membros do colectivo cultural "Polo Correo do Vento" Carlos Taboada e Quique Mauricio. Entre o equipo técnico colaborou o Grado de Audiovisuais da Universidade de Vigo, "Volvemos a Primera Produciones Audiovisuais" ou Pablo Viña na postprodución de son, entre outras e outros.
 
Ata o 4 de febreiro os académicos e académicas votarán para elexir 4 finalistas entre as 25 categorías da XXVIII edición dos Premios Mestre Mateo. A competencia é moi dura e a candidatura xa é un premio en si, pero se "Atopando o camiño" queda finalista será a gala con máis nenos e nenas por metro cadrado.