Leopoldo Nóvoa

O lume é a cicatriz que percorre a obra de Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919-París, Francia, 2012). A que marcou unha das máis célebres derregas da pintura galega e europea. Porque o lume devastou en 1979 o seu estudio de París, queimou un milleiro de obras propias e a súa colección persoal e nada volveu ser igual. A cinza converteuse na materia  do lenzo. Pasaran case tres décadas desde que, no Uruguai, se iniciara á arte, pero o incendio obrigouno a volver comezar. O seu estilo máis característico corresponde a esta etapa serodia, unha das que revisa a mostra Leopoldo Nóvoa 1919-2019 no Museo de Pontevedra. Mais en absoluto a única.

"Penso que nunca houbo na Galiza unha exposición sobre Nóvoa destas características", indica a comisaria Rosario Sarmiento a Nós Diario, "que abranxera tanta traxectoria, con obra dos seus principios e anteriores ao incendio". Inaugurada hai pouco máis dunha semana, permanecerá aberta até o 26 de abril. Case medio cento de cadros repasan unha vida dedicada aos pinceis desde Montevideo nos anos 50 a París e Armenteira (Meis) nos anos 90. E que encetou xusto despois de exiliarse en 1938 desde a Galiza. O seu pai era o cónsul de Uruguai en Vilagarcía de Arousa, e favorábel á causa republicana.

Ler máis