A HLG nas aulas

    AS-PG
    De AS-PG

    APROVEITAMENTO DIDÁCTICO NAS AULAS DA WEB literaturagalega.as-pg.gal

    A aplicación informática da Historia da Literatura Galega constitúe un recurso moi proveitoso para as aulas de Lingua e Literatura Galega. En primeiro lugar, é unha ferramenta accesíbel para todo o alumnado e profesorado, gratuíta, que só precisa dunha conexión a internet que hoxe en día existe, con máis ou menos eficiencia, en todos os centros de ensino do país. Por outra banda, nunha soa web proporciónansenos de maneira organizada e contextualizada na historia da literatura textos, vídeos, músicas, unidades didácticas para descargar libremente e libros dixitais completos das obras históricas que poden servir de recurso de exemplificación, consulta e ampliación en todos os niveis educativos se a/o docente planifica e adapta o achegamento a estes materiais.

    A actualización permanente dos contidos, con referencia a obras publicadas mesmo neste 2020, fai de literaturagalega.as-pg.gal un recurso vivo e atractivo para o público, tamén para o alumnado, que debidamente orientado pode manexarse con facilidade pola web para, por exemplo, coñecer o conxunto de obras dunha autora que lle interese ou ler as sinopses das diferentes obras de lectura propostas na aula antes de escoller unha ou outra.

    Por outra banda, o novo apartado co que conta esta web desde o 2018, Termos literarios, proporciónalle ao profesorado unha ferramenta de moita utilidade á hora de exemplificar os diferentes conceptos da Teoría da Literatura, tan difusos ás veces para o alumnado, con contidos da literatura galega en todo momento, con só consultar literaturagalega.as-pg.gal. Ao mesmo tempo, poder exemplificar termos e conceptos comúns ao conxunto da literatura universal con fragmentos da literatura galega adecuadamente localizados (autor e obra) contribúe ao proceso de normalización do noso sistema literario e da nosa lingua no que é tan necesario seguir traballando no contexto actual.