A vocación nunca se perde

A educación ten tres vértices: é unha acción, é unha práctica e é unha transformación.

A educación serve para desenvolver as facultades morais, físicas e intelectuais do ser humano; tamén serve para asimilar o coñecemento das regras sociais, a cortesía; e ademais para acrecentar a bagaxe da comunidade. É un instrumento moi poderoso, pero precisa de bos intérpretes, de mestras e mestres con vocación e dedicación.

A educación son materiais

A educación precisa medios materiais, e hoxe para obter eses medios materiais son necesarias fortes inversións. A tecnoloxías das comunicacións provocan unha intensa competencia entre nacións e mesmo dentro das nacións, entre os estratos sociais. As mellores escolas e universidades están nos países ricos. As mellores escolas e universidades case sempre son privadas. Cuestión de cartos. Con cartos, os medios son mellores e a organización tamén. Finlandia é a referencia no universo da OCDE. Seguramente o modelo finés ten moitas virtudes, seguramente tamén dispón de moitos cartos.

No Senegal, os recursos son limitados: faltan aulas, mestras e mestres, materiais didácticos. A educación coxea.

En todas partes, aquí e no Senegal, deberíamos ver a educación como unha segunda familia, á que hai que destinar os recursos necesarios. A educación hai que medila nos Orzamentos do Estado, que reflicten o interese da comunidade nesa segunda familia. Aquí parece que non é moito. No Senegal, aos interinos chamámoslles vacantes. Ese non é xeito de traballar. Eu tiven a sorte de ter un contrato fixo desde o principio.

A educación son valores

A familia é, por outra banda, a primeira fonte de educación, o fogar é o lugar dos valores morais. No Senegal, está fonte é basicamente oral, as crianzas asimilan valores a través dos relatos. Esa era unha diferenza até hai ben pouco. Hoxe, como aquí, a oralidade ten que competir cos medios de comunicación de masas. As avoas e os avós inda viven nos fogares, pero as cativas e cativos xa non lle prestan a mesma atención que lle prestaba a miña xeración.

Previa á escola tamén está a socialización na rúa. As nenas e os nenos fican sos na rúa, e os maiores só interveñen cando pelexan ou corren algún risco.

O rol da familia na educación é primordial. Hai que traballar para que a televisión no lle roube esta responsabilidade. O primeiro é asumir o problema; e o seguinte, asumir ás responsabilidades no fogar e prestar máis atención ás crianzas no fogar. E todo isto por unha cuestión fundamental: os valores que transmite a televisión non son os mesmos cos que transmite á familia.

A educación é exemplo

As persoas encargadas na escola da transmisión de saberes e valores teñen que ser un exemplo. Teñen que mostrar boas maneiras, respecto, esforzo no traballo e paciencia. Calquera ensinante é bo na medida que teña vocación, competencias e pedagoxía, saber transmitir os coñecementos.

Pero tamén necesita medios, se dispón dos adecuados, os resultados serán óptimos.

Eu fun ensinante dez anos alá en Senegal. O exemplo que quixen dar empezaba co vestido e o peiteado para que as rapazas e os rapaces me imitasen. Tamén coidaba as palabras e os acenos para no dar unha impresión de superioridade. O respecto conséguese entre iguais. Nin ser moi severo nin demasiado condescendente. Toda esta estratexia ten un fin. Non ía as aulas a dar unha lección, eu quixen ir a facer preguntas, facernos preguntas, atoparme cas alumnas e alumnos. Facer comunidade.

A educación é comunidade

A educación é o primeiro piar para desenvolver unha sociedade. familia, a rúa e a escola fan parte dun sistema que é vital para a comunidade. O futuro do mundo está na educación, por iso non se entende que haxa tantas dúbidas á hora de realizar investimentos en persoal e equipamentos. Tampouco, que se lle preste escasa atención á transmisión de valores na competencia con outros medios como a televisión, e ás figuras que deben dar exemplo nesa segunda familia: as mestras e os mestres.

No Senegal, pode que por influenza do modelo francés, as persoas encargadas da educación nas escolas e universidades teñen unha alta consideración social e carreiras máis amplas.

O mellor mestre que tiven chámase Lat Soucabé Mbow. Empezou sendo mestre en primaria, despois estivo en liceos e, finalmente, impartiu clases na universidade. Tiña competencia dabondo e vocación. E un método de achegarse aos alumnos ben sinxelo. Chegaba e dividía en dous o taboleiro. Dun lado escribía un esquema da lección. No outro, as palabras relevantes e as que sabía que íamos ter problemas coa ortografía. A clase comezaba sosegada e nós, moi atentos. Eu quixen poñelo en práctica, non me faltaba vocación, na miña experiencia docente. Os alumnos dirán se o fixen ben. Sígolle dando voltas a todo isto máis de dez anos despois. Non só polos fillos, a min gustaríame tamén volver á escola.

 

 

 

Artigo de Cheikh Fayé publicado no Suplemento SERMOS ESCOLA, editado pola AS-PG, no nº 265 de Sermos Galiza.