As escolas de ferrado

    AS-PG
    De AS-PG

    Por Arturo Iglesias

     

    No ano 1930 había na Galiza medio millón de nenos e nenas en idade escolar e só 4424 escolas que permitían a escolarización da metade aproximadamente desas crianzas. A implicación do Goberno da República nos anos seguintes provocou un importante aumento das escolas, pero aínda así tivo que ser a iniciativa da cidadanía galega a que compensase as carencias, ben coas achegas dos indianos ou ben coas escolas de ferrado.

    Na escola de ferrado de San Adrián da Piña na parroquia de Sofán do concello de Carballo o mestre chamábase Farruco. Cando era neno padeceu unha longa enfermidade e tivo que estar moito tempo internado no hospital. Durante este tempo, as enfermeiras que o atendían, ensináronlle a ler e escribir.

    Cando volveu á súa aldea, puxo unha escola de ferrado que funcionaba durante todo o ano, aínda que o horario variaba en función dos traballos do campo. No inverno comezaba moi cedo e remataba sobre as doce e media ou a unha, no verán, como o traballo da terra se facía pola mañá para evitar as horas de máis calor, a escola comezaba ao medio día e remataba sobre as dúas.

    O edificio da escola estaba na mesma casa onde vivía o mestre. Era unha casa normal da aldea, no baixo da casa estaba a corte, onde o mestre tiña unha vaca, e subindo por unhas escaleiras chegábase ao sobrado. Nun lado estaba a súa vivenda e no outro, que era máis grande, era onde facía a escola.

    Na escola o mestre tiña uns bancos sen respaldo e mesas para os 25 ou 26 rapaces que ían, que eran sobre todo homes, porque segundo se dicía necesitaban aprender a escribir para poder mandar cartas á familia cando foran ao servizo militar.

    A finais de agosto as familias levábanlle á casa a renda do ano, un ferrado de trigo por cada rapaz. O pago era escaso, xa que o ferrado de trigo podía valer unhas 10 pesetas e mercar un quilo de tenreira valía 3,30 e o de patacas arredor de 20 céntimos.

    Aínda que no concello había unha escola pública, quedaba afastada de moitos dos lugares e aldeas, e a xente víase obrigada a asistir ás escolas de ferrado. Con todo, había persoas que non asistían a escola ningunha por non teren terras coas que poder pagar o ferrado.

    O xeito de ensinar era moi tradicional tratando de conseguir unha aprendizaxe básica da lectura, a escritura e o cálculo ao que se incorporou despois do golpe militar de Franco a relixión, coa aprendizaxe de rezos e cultura relixiosa.

    As prácticas de escritura e de cálculo facíanse nunha lousa pequena até que se conseguía un dominio suficiente nos trazos para poder pasar ao uso do papel que era un artigo moi caro.

     

     

    Jesusa Vázquez alumna da escola

    Sería sobre o ano 1934, un día, cando eu tiña 7 ou 8 anos, meus pais pedíronlle á costureira que viña coser á casa que me fixera unha saqueta para gardar a lousa e o Silabario e empezar a ir á escola de ferrado.

    Unha prima de meu pai tamén era mestra de ferrado, e miña nai fora a unha escola e mesmo un sobriño chegou a ir.

    Na escola faciamos o ditado e o mestre dábanos cunha regra de madeira se tiñamos faltas.

    Nas contas comezábase por sumar e rematábase dividindo, pero eu só cheguei a facelo por dúas cifras.

    O ferrado co que se lle pagaba ao mestre non lle chegaba para moito e meus pais aínda lle daban algo máis, uns ovos, unhas patacas, un polo. E de cando en vez tamén lle daban traballo.

    Estiven indo máis ou menos 5 anos, porque despois xa comezaron a ir os meus irmáns máis pequenos e eu tiña que traballar.

    Ía andando polas corredoiras co meu irmán, que era maior ca min, buscando niños, que para nós era o máis interesante da escola. A lousa rompía con moita facilidade e a seguiamos a empregar aproveitando os anacos.

    Despois do Silabario usabamos o Catón e e o tinteiro cando xa faciamos ben as letras e mais os números e entón xa escribiamos no papel. Daquela si que era un problema que caera a saqueta.