O xogo da curuxa, agora para Android

O Xogo da Curuxa naceu como un xogo web baseado no xogo da oca. Consiste en lanzar o dado e ir movendo a ficha ao longo dun taboleiro en espiral formado por cadros, tendo algúns deles asociadas accións especiais como bonificacións ou castigos. A diferenza do xogo clásico, cando o/a xogador/a cae nun cadro deberá superar unha proba para poder ficar nel, evitar un castigo etc.

Gaña a partida o primeiro xogador en chegar até o último cadro e superar a súa proba. Obterá ademais unha bonificación de 25 puntos.


 O xogo pode instalarse desde https://play.google.com/store/apps/details?id=gal.aspg.curuxa e non ten publicidade

 

Versión para Android.

Grazas ao patrocinio da Deputación de Pontevedra está dispoñíbel unha versión para Android cunha batería de preguntas centrada  exclusivamente no patrimonio –en sentido alargado- da provincia de Pontevedra.  
A batería de preguntas realizouse seguindo con esmero os resultados obtidos do proceso de elección de fitos patrimoniais no conxunto da provincia de Pontevedra e atendendo aos diferentes aspectos deste patrimonio histórico, artístico, cultural e arqueolóxico.  
O Xogo da Curuxa preséntase como unha ferramenta lúdica e educativa e, en vista diso, pretendeuse que o cuestionario se axustase, na medida do posíbel, a ese dobre obxectivo. Deste xeito, por unta banda, procurouse manter unha representación equitativa do patrimonio en cada concello coa finalidade de que todos gocen da mesma visibilidade no xogo da Curuxa. E por outro lado, tentouse que o abano de preguntas fose o suficientemente heteroxéneo para dar cabida aos diferentes bens patrimoniais que conforman a provincia de Pontevedra. Así, recóllense probas que versan de pontes, batallas, petróglifos, igrexas, muíños, fitos, castros, castelos, etc.  
Os criterios de escolla seguíronse tendo en consideración a singularidade e representatividade dentro do conxunto do patrimonio, mais tamén coa finalidade de espertar a curiosidade e o interese nas destinatarias e destinatarios, para poñer en valor os bens artísticos e patrimoniais que presenta a provincia de Pontevedra. Polo tanto, á hora de realizar as probas, alén de solicitar e proporcionar información, procurouse ter ben presente aos destinatarios, funcionar como guía de xogadoras e xogadores, motivalas e conseguir manter o seu interese.  
Deste modo, os obxectivos principais perseguidos foron os seguintes:

I. Dar conta de todos os concellos da provincia pontevedresa. 

II. Mostrar unha porcentaxe equilibrada de probas por concello. 

III. Representar as diferentes formas de bens patrimoniais.

IV. Espertar o interese e a curiosidade polos bens patrimoniais da provincia.  

Para iso mantívose unha rigorosa coherencia cos contidos tirados do documento base, tendo en conta a adecuación á personalidade do xogo.  
A respecto do xénero das preguntas, quíxose atinxir unha certa variedade na súa formulación. Como resultado, achéganse máis de duascentas probas que se dividen en cuestionarios tipo test, probas de organizar, probas de asociar, probas de asociar imaxe e texto e probas de asociar mixta.  
No que concirne aos contidos, considerouse que había algunhas preguntas que, pola súa natureza e singularidade, poderían resultar máis difíciles de resolver aos destinatarios e destinatarias. Por ese motivo, aquelas cuestións que presentaban unha maior complexidade, optouse por anexar unha pista, sexa visual (cunha imaxe), explicativa ou de localización (coa referencia á localidade).  
Ademais, ao traballarse cun xogo de índole educativa, procurouse que durante a redacción da preguntas prevalecese a claridade dos enunciados para conseguir unha lectura accesíbel, mais tamén que as preguntas non fosen extensas para lograr unha maior axilidade na lectura dos interlocutores e interlocutoras.  
No tocante ás imaxes, cabe sinalar que estas foron seleccionadas para diferentes tipos probas e con diversas finalidades. Así pois, estas poden ter a función de pista dun texto en cuestionarios tipo test ou de pregunta clave en probas de asociar. Igualmente, coa inclusión das fotografías procurouse contribuír a un maior coñecemento dos bens patrimoniais ao achegarse unha mostra máis tanxíbel da realidade. É por ese motivo que, na maioría dos casos, decidiuse acompañalas de texto descritivo ao tempo que se define a localidade á que pertencen. Emporiso, coas imaxes tamén se tivo o coidado de abarcar diferentes estilos de bens patrimoniais (castros, castelos, pontes, hórreos, museos, etc.) coa intencionalidade de que as imaxes tamén funcionen como un factor representativo do patrimonio cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.