Escolas do Coto. Unha escola de americanos

LRM_EXPORT_20180104_115113.jpgNo noso país, durante o século XIX non chegaban ao 20% as persoas que sabían ler e escribir. Para tratar de solucionar este problema, a Lei Moyano, aprobada en 1857, fai obrigatorio o ensino primario en todo o Estado, pero as leis de Madrid tardan en facerse efectivas na periferia da península. A comezos do século XX só hai en Galiza 2300 escolas públicas. Non son nin a cuarta parte as vilas e aldeas que teñen unha.

Por outra banda, a emigración, que xa comezara no século XVII, acada, nestes momentos finais do século XIX e comezos do XX, cifras de traxedia nacional, millón e medio de persoas foxen a América en busca dun futuro, máis da metade da poboación actual de Galiza.

Nesa situación de abandono e atraso, con carencias en infraestruturas de todo tipo, especialmente educativas, é cando xorden as escolas coñecidas como escolas de indianos ou escolas de americanos. É unha iniciativa das persoas que están emigradas e que deciden construír e financiar escolas nos seus concellos e parroquias.

En 1915 o mestre Manuel Piñeiro Groba e unha morea de rapaces e rapazas asisten por primeira vez á escola na parroquia de Padróns, no concello de Ponteareas. A escola é mixta, algo bastante infrecuente nese momento, e está financiada por tres irmáns que fixeron fortuna na emigración, os irmáns Barcia.

O edificio acolle, ademais da propia escola, a vivenda do mestre e un local para o sindicato agrario que tamén fundan os irmáns. A construción está realizada segundo os principios máis modernos da época: nun lugar elevado para evitar humidades, ben comunicado para que o alumnado poida asistir doadamente, retretes con auga corrente, iluminación con carburo, espazo exterior para os xogos e unha fonte para dar servizo á veciñanza. Todo nun edificio rematado por unha torre cun reloxo e unha campá, coma unha igrexa laica para a ciencia e a cultura.

A modernidade da escola non se refire só ás condicións do edificio, tamén nos aspectos pedagóxicos presenta importantes achegas. O mestre percibe un salario superior ao que perciben nese momento os dos centros oficiais, na aula hai vitrinas con coleccións de minerais, nas paredes ten colgadas láminas e mapas.

Ademais ten unha biblioteca, que é algo pouco frecuente. Unha biblioteca que dispón de libros para os nenos e nenas e mais de obras especializadas de historia, agricultura e xeografía para as persoas que asisten ás aulas nocturnas e tamén para consulta das persoas do sindicato.

Pero o que xa é algo extraordinario é que dispoña de teléfono, que funciona despois de que os irmáns levaran a liña telefónica á súa parroquia.


 

Os Barcia

LRM_EXPORT_20180104_115107.jpgOs topógrafos embarcaron no vapor que subía polo rio Tapiche atravesando a selva. Durante todo o percorrido só puideron ver xigantescas seringueiras que case pechaban o rio, até que finalmente chegaron a unha enseada na que se abría un claro. Ao lado dunhas palmeiras descubríanse as chabolas que constituían a facenda Galicia.

Tiñan o encargo dos irmáns Barcia de facer os traballos precisos para que as medidas daquela facenda fosen exactas ás da Galiza orixinal.

Despois de deixar aos topógrafos, o vapor “la gallega” retornou ao mundo civilizado en Iquitos levando caucho para fabricar os neumáticos que abastecían a crecente industria automobilística dende un Lugo da amazonia.

Cando eran nenos, para aprender os rudimentos da lectura e da escritura, os irmáns Barcia tíñanse que desprazar 15 quilómetros dende Padróns até unha escola de ferrado en Pazos de Borben, posiblemente foi iso o que os animou a crear unha escola na súa aldea.

Mercaron uns terreos no lugar do Coto da Maínza e alí construíron a máis moderna escola de toda a contorna, coa intención de dar unha formación de calidade á súa veciñanza.

(Texto de Arturo Iglesias. Fotos Manolo Graña. Publicado en Sermos Escola número 5)