O ano sen verán ou Frankenstein ... á lus do candil

Vila Diodati. Nesa mansión Mary Wollstonecraft (Mary Shelley) concebiu Frankestein.

(Vila Diodati. Nesa mansión Mary Wollstonecraft (Mary Shelley) concebiu Frankestein.)

 

 

 

O verao é o tempo dos cantos, o inverno é o tempo dos contos”. Con esta copla sitúa, estacionalmente falando, Anxel Fole o libro Á lus do candil. Mais hai anos en que o verao se torna inverno e nacen contos diferentes.

 

 

Así foi en 1816. En abril do ano anterior, na Indonesia, produciuse a maior explosión volcánica rexistrada nos derradeiros mil anos. O Tambora, unha montaña de máis de catro mil metros de altura, ficou reducida a menos de tres mil. Mil quiñentos metros de montaña lanzados á atmosfera, a máis de cuarenta quilómetros de altura. As explosións sentíronse a máis de dous mil quilómetros de distancia. As cinzas provocaron anomalías meteorolóxicas radicais no ano seguinte, especialmente na Europa central. Tantas que condicionaron non só a forma de vivir mais tamén a de ver o mundo. Polo menos o mundo das postas de sol que reflicte a pintura da época.

A climatoloxía de 1816 permitiu adiantar xa ao verán o tempo dos contos. A temperatura baixou entre dous e tres graos na Europa. Nunha noite de xuño dese ano, a do 1816, fai agora douscentos anos, o tempo, a compañía e a contorna de Xenebra contribuíron ao nacemento dunha das obras máis coñecidas da literatura: Frankenstein. Mais tamén naceron do Tambora, na mesma noite, O Vampiro que inspiraría anos despois o Drácula de Stoker.

 

 

 

Do Caurel a Vila Diodati.

 

Ao longo da historia da literatura son varias as obras que naceron da necesidade de contar contos debido ás “inclemencias do tempo”. Nuns casos, como Frankenstein ou o novo prometeo esa necesidade foi real; noutros, como Á lus do Candil, é ficcional. Refuxiarse de algunha inclemencia do tempo ou mesmo de algunha adversidade que asola o exterior, como pode ser a peste, é motivo frecuente na literatura, especialmente desde Bocaccio e o Decamerón. Mais, ás veces, é contar por contar o que prevalece.

Ánxel Fole reuniu catro fidalgos nunha torre do século XIV. Viñan para cazar e el púxoos a contar contos “Somentes poideron cazar o primiero día. Caiu unha gran nevarada. Era polos derradeiros días do castañal. Xa non poidemos botar o pé fóra da torre ...”

Anos antes, tamén a climatoloxía reuniu en Vila Diodati, nas marxes do lago Xenebra, neste caso no verán que non foi verán, a Mary Wollstonecraft, Claire Clairmont, Percy Bysshe Shelley, Lord Byron e John Polidori. Na mesma casa residira, en 1600 John Milton, o autor do Paraíso Perdido e Rousseau e Voltaire tamén respiraran o ar destas terras.

Non foi un encontro casual. Viñan de visita e tiveron que se quedar. Aqueles días de xuño, sobre todo na noite do 16 o tempo, que xa non era bo, variou bruscamente.Choveu torrencialmente. Estrondosas tronadas retumbaron no ceo. As augas alagaron case todo. Mary e Shelley non puideron volver a Maison Chapuis, que alugaran da outra parte do lago, debido á situación e “decidiron” pasar a noite na Vila Diodoti con Byron, Polidori e Claire.

As noites de inverno soio son boas para os trasgos, pra as meigas, pra os lobos ... E pra quen escoita contos de medo sentindo rombar o vento” di Fole. Escoitar o vento e contar contos de medo, iso foi o que fixo o grupo de Suíza que pasou a noite lendo en voz alta unha colección de historias fantasmagóricas alemás traducidas ao francés, entre elas Fantasmagoriana, ou Recueil d'histoires d'apparitions de spectres, revenants fantôme. Nunha das historias, un grupo de viaxeiros narrábanse os uns aos outros experiencias sobrenaturais que eles experimentaran. Isto levou Byron a desafiar o grupo: deberían escribir unha historia de medo. Shelley escribiu unha baseada en experiencias da súa mocidade, Byron escribiu un fragmento mais abandonou e Polidori empezou "O Vampiro", o primeiro relato moderno do vampiro. E Mary concebiu o seu Frankestein.

 

 

Chove a Deus a dar.

 

Non para de chover. Tanto que o 19 de xullo desde as Tullerías, o rei Luís XVIII ordenaba aos vigairos xerais da diocese de Paris que se fixesen rogativas públicas en todas as igrexas para pedir ao “Árbitro Soberano das Estacións que conservase os

bens da terra, afastase as tempestades e concedese tempo sereno para que os froitos chegasen á súa madurez” Pouco conseguiu. Até o 26 de outubro non se puido facer a vendima e daquela xa as uvas estaban podres. Os cereais escasean e os prezos triplicanse.Mary Shelley escribe: “As terras estaban asolagadas e as colleitas sofren por este tempo tan inusual”

Na Galiza non temos moitas referencias ao que aconteceu. Na prensa, ferreamente controlada por Fernando VII, non aparece nada. López Ferreiro, non tomo XI da Historia de la Santa Apostólica y Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela escribe o seguinte: “Los frecuentes temporales que reinaron en nuestro país desde el Otoño de 1816 destruyeron las cosechas en algunos sitios casi por completo”. Mais a situación xa viña de antes. Así, na reunión do Cabido de 11 de febreiro, o Maxistral, por indicación do Prelado, manifestou que este “estaba penetrado de una vivísima compasión al oir las frecuentes noticias de la horrible calamidad que sufrían sus diocesanos situados a las montañas a donde no habían cogido cosecha de maiz: que su piadoso corazón no podía sufrir el grito de tantas infelices familias, quienes, se no se socorrían sería probablemente victimas del hambre cruel ....viéndose ya a cada paso labradores infelices por las calles, que habiendo abandonado su lugar procuran mover a compasión con sus gritos a los ciudadanos” Os libros de tazmías dos mosteiros, especialmente os de Monfero confirman esta situación. E igual que en París tamén en Compostela se fan rogativas para que deixe de chover pois a 5 de xullo hai vento e frío, o que chaman “un rigoroso temporal”

 

Algo máis do que monstros

Do Tambora non só naceron monstros. Tamén naceu o máis famoso vilancico, Noite de Paz, os atardeceres de Willian Turner, que ficou fascinado polas cores do ceo e entre 1816-1818 recolleu decenas de bosquexos no seu caderno Estudo do ceo ou, o poema Escuridade de Byron e ... perante a escaseza e a carestía da avea, a bicicleta, un vehículo san, sostíbel, ecolóxico e económico.

 

Polo de agora o Tambora segue entre nós. Rasputina, un grupo de música estadounidense, ten unha canción titulada "1816:The Year Without A Summer", e di así:

"June 1816, a sudden snowstorm blankets all the countryside,
So Mary Shelley had to stay inside and she wrote Frankenstein,
Oh, 1816 was the year without a summer."

que, máis ou menos podemos traducir así:

"Xuño de 1816, unha repentina tormenta de neve cubriu as cortiñas.
Así que Mary Shelley tivo que quedar na casa e escribiu Frankestein.
Oh, 1816 foi o ano sen verán "

Que nos traerá a próxima explosión do Tambora?

Non sabemos. Ou si

 

(Texto publicado en http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/frankenstein-lus-do-candil/20160616202813048705.html)