Medulio evoca Carvalho Calero

A figura e obra de Ricardo Carvalho Calero serán obxecto de análise e divulgación esta segunda feira, 16 de abril, ás 20h, no Antigo Hospicio, nun acto convocado pola Sociedade Cultural Medulio de Ferrol. Intervirán María Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Xosé Ramón Freixeiro e Manuel Ferreiro, “persoas que se formaron co maxisterio do profesor e que estudaron distintas facetas da súa personalidade e da súa obra”, informa Medulio nunha nota de imprensa.

 

As palestras prestarán especial atención á posición de Carvalho en relación coa Constitución española, o Estatuto de Autonomía de Galiza e o modelo de cooficialidade de linguas vixente e analizarán a súa faceta como poeta, historiador e crítico literario.

 

Fecharán o acto Xoán Padín e Alberte L. Porta, quen cantarán poemas do autor con música propia.

 

Medulio, pioneira en recoñecer a Carvalho Calero

 

A Sociedade Cultural Medulio foi a primeira de Galiza en organizar en 1982 unha homenaxe nacional a Carvalho en recoñecemento do valor intelectual e estético da súa obra e pola dignidade da súa conduta, que o condenou "ao ostracismo" por parte das institucións culturais oficiais, afirma a entidade no comunicado.

 

Aliás, Medulio sinala que repudia “a teimosía destas institucións, especialmente a Real Academia Galega, en manter nese ostracismo a figura e obra de Carvalho Calero polo simple feito de discrepar da política lingüística que tanto dano fixo e está a facer á nosa lingua e por manter unha actitude crítica respecto do réxime instaurado en 1978”, pois o intelectual entendía que non respondía a “un modelo democrático xenuíno” e que non daba resposta ás necesidades do pobo galego.