COUSAS

En abril de 1929 (o 24) sae do prelo o segundo libro de Cousas de Daniel R. Castelao,  editado por Nós na Coruña. Cada “cousa” está composta por un texto e unha ilustración. A fórmula empregada por Castelao nesta súa obra é orixinal, un novo xénero que supera a linde do exclusivamente literario para, coa axuda da imaxe, narrar acontecementos cunha precisa utilización da palabra. “Cousas” representa a crónica dos desfavorecidos retratada por un debuxante, non se trata de propoñer solucións senón de evidenciar as eivas sen adoptar actitudes moralizantes. A misión de Castelao consiste en denunciar a inxustiza e remover a conciencia dos lectores.

 

A marquesiña

Chámanlle a “Marquesiña” e os seus peíños endexamais se calzaron.

Vaí á fonte, depelica patacas e chámanlle a “Marquesiña”.

Non foi á escola por non ter chambra que pór e chámanlle a “Marquesiña”.

Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre e chámanlle a “Marquesiña”.

A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.

¡E aínda lle chaman a “Marquesiña”!