Ben-Cho-Sey

    AS-PG

    Xosé Ramón e Fernández-Oxea naceu en Ourense en 1896. Estudou o Bacharelato no Instituto da súa terra natal e obtivo o título de Mestre Nacional na Escola Superior de Maxisterio de Madrid. En 1921 foi chamado a filas como soldado para a Guerra de Marrocos, desde onde enviou crónicas de guerra, baixo o seudónimo de Ben-Cho-Shey, ao diario ourensán La Zarpa, que por aquela altura dirixía Basilio Álvarez; asimesmo colaborou con outras revistas e xornais: O tío Marcos da Portela, Nós, A Nosa Terra, Lar, Faro de Vigo... etc. Tamén utilizou o seudónimo de Xan Fouciño.
    Ao regreso da guerra, exerceu como mestre en Cariño (A Coruña) e máis tarde en Sta Marta de Moreiras (Ourense), deste último destino fixo un estudo etnográfico minucioso que recolleu no libro Santa Marta de Moreiras, publicado en 1969.
    En 1928 viaxou a Francia e Bélxica, pensionado polas Deputacións para estudar Pedagoxía e nese mesmo ano ingresou no Seminario de Estudios Galegos. Posteriormente obtivo unha praza no Corpo de Inspectores de Ensino, cargo que desempeñaría até a súa xubilación; establecido en Lugo, presidiu o Partido Galeguista, mais en 1936, foi suspendido de emprego e soldo durante tres meses e posteriormente transladado á Inspección de Cáceres.
    Fernández-Oxea instalouse definitivamente en Madrid, desde onde exerceu un importante labor cultural. Así, foi cofundador do Grupo Brais Pinto, representante da editora Galaxia e directivo do Centro Galego de Madrid, ademais de membro correspondente de diferentes sociedades e academias, entre elas, a Real Academia Galega e a Real Academia da Historia.
    O etnógrafo galeguista foi autor de varias investigacións históricas, etnográficas e heráldicas pero tamén destacou na súa faceta literaria, tanto en prosa coma en verso: Berzas (1953), Andrómenas (1954), A ducia do frade (1966), O Barallete (1969), Catón Galego (1969), Santa Marta de Moreiras (1969), Contos do Fiadeiro (1973), Galicia no Corazón (1977) e Escudos de Lugo (1979).
    Ao longo da súa vida recibiría numerosos premios e homenaxes: Premio José Cornide do Centro Galego de Buenos Aires (1960), homenaxe no Ateneo de Ourense (1977) ou a Medalla Castelao (1986) entre outros.
    Ben-Cho-Shey faleceu en Madrid en 1988, os seus restos foron transladados ao cemiterio de San Francisco de Ourense.

    (Fonte: Historia da Literatura Galega)