Comunicado AS-PG con motivo do 17 de maio.

A AS-PG convida a participar na manifestación do día 17 e a se facer asinante do Diario Galego

 

 

A Plataforma Queremos Galego, da que a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) forma parte, reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a nosa lingua siga viva. Na Galiza existe unha sociedade que actúa día a día para facer normal a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos. Este día a día que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.

 

É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas que tiña que exercer a Xunta de Galiza; es ti, no día a día, quen pode conseguir a normalidade para a lingua galega. Normalidade significa actuar en todos os ámbitos, tamén no da comunicación. E actuar colectivamente. Necesitamos achegármonos un pouco máis á normalidade que como País precisamos e o máis normal é ter medios de comunicación no idioma que nós criamos. Por iso a AS-PG participa dun proxecto colectivo que ten como horizonte dotármonos dun diario en galego, ergueito sobre o marco da pluralidade, o diálogo e o compromiso de todas as asociacións e organizacións colectivas que detectan as necesidades e confían nas capacidades dunha Galiza real.

 

Grazas ao activismo social, o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra da nosa forza, mais tamén de todo o que falta por avanzar. Convidámoste a apoiar, facéndote asinante, o proxecto do Diario Galego e a participar na manifestación nacional pola lingua que terá lugar esta quinta feira día 17 de maio, con saída ás 12h desde a Alameda de Santiago de Compostela.

 

Por unha lingua viva, defendámola e usémola día a día!

 

Galiza, 15 de maio de 2018