Vímara Peres, o galego que fundou Portugal antes que o rei Alfonso

Na outra beira do río Douro, máis alá do actual Porto, na actual Vila Nova de Gaia, atopábase en tempos a cidade de Cale, ou Portus Cale, citada xa con este nome en tempos suevos.​ No século V Idácio de Chaves xa menciona a cidade de Portucale e no século IX xa comeza a empregarse o termo portucalense para referirse á zona ó redor e ó norte da desembocadura do Douro. Este será o momento no que se cree o Condado Portucalense xerme do primeiro reino de Portugal, e foi un galego da Coruña, Vímara Peres, quen sería o responsable da fundación deste primeiro feudo.

A historia de Vímara Peres, Vimara Pérez, Guímara Peres ou Uimara Petri -con todos estes nomes é coñecido- é a dun nobre galego da corte de Alfonso III que viviría arredor das datas de 820-873. Segundo as crónicas, co seu pai, Pedro Theóm, participou no ano 858, segundo os Annales Complutenses, na expulsión dos saqueadores normandos ou vikingos da cidade de Faro, a actual Coruña, nun dos episodios máis importantes das guerras de Ramiro I contra estes.