Pedro Madruga ou Galiza arredada de Castela

Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga, simboliza a rebeldía máis sostida no tempo e con máis posibilidades de éxito naquel tempo político. Nado dunha relación extra matrimonial entre Constanza de Zúñiga, sobriña da condesa de Santa Marta, e Fernán Eans, señor de Soutomaior, como outros membros segundóns desta familia fixo carreira eclesiástica, ocupándose como cóengo da Catedral de Tui, chegando a suxerir o propio rei Henrique IV en 1467 o seu nomeamento como arcebispo de Compostela en substitución de Alonso de Fonseca. Sinalouse por unha relación contraditoria co movemento irmandiño, pasando dunha inicial tolerancia e mesmo sintonía, como demostra o xuramento do seu irmán e predecesor aos estatutos da Irmandade de Ourense, ao combate máis duro, unha vez que Pedro Madruga retorna do seu refuxio portugués xa convertido en cabeza da casa de Soutomaior, após a disposición testamentaria do seu irmán Alvaro Paes e a validación de Henrique IV en agosto de 1468.