Exeria. Nos límites do mundo

Gciencia fala de Exeria, a gran viaxeira galega da Antigüidade. Trátase do primeiro relato de viaxes do que temos constancia no país e é de finais do século IV: Itinerarium Egeriae. Foi escrito por unha muller que naceu na Gallaecia. Porén, deixou tras de si unha morea de misterios e mitos. A meirande parte dos datos dos que dispoñemos acerca deste persoeiro son difusos. Crese que o seu nome é Exeria. Aínda que tamén aparece retratada como Heteria, Echeria ou Eiheria, entre outros. Esta muller partiu das “ribeiras máis afastadas do océano occidental” cara o Oriente. Era unha persoa curiosa que quería comprobar que o que se relataba nas Sagradas Escrituras era certo.

Algúns autores como Arturo Iglesias, escritor de Exeria. Nos límites do mundo, publicada pola AS-PG sosteñen que, máis que por un espírito relixioso, Exeria foi empuxada por un espírito científico.

 

Non é algúen que vai ao lugar e simplemente reza”, expón Arturo Iglesias, o autor do libro Exeria. Nos límites do mundo. O escritor defende así o espírito investigador deste persoeiro.  Desbota deste xeito todas esas teorías que defenden o seu papel de monxa viaxeira. Destaca, ademais, a importancia de Exeria para Galicia: “Si en lugar de ter nacido na Gallaecia tivese nacido en Londinium, os británicos daríanlle un carácter relevante a esta personaxe”. Exeria movíase coa Biblia e con algún outro documento. Viaxaba e comprobaba deste xeito a exactitude do que alí aparecía escrito. Incluso chega a pór en dúbida algún que outro dato. “Ela describe de forma obxectiva e sistemática todo que ve”, relata Arturo Iglesias. As brétemas da historia fan difícil coñecer mellor a Exeria. Porén, quedámonos coas certezas que nos deixou esta intrépida investigadora galega.