Pirilampo, premio Rosalía de Castro

O Premio Rosalía de Castro da Lingua da Deputación da Coruña recaeu na súa novena edición na Galipedia, na categoría de colectivo, e no grupo musical Pirilampo, na modalidade de proxectos ou iniciativas que traballan con tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade.

O xurado da novena edición deste premio, que se reuniu este mércores na Deputación da Coruña, estivo composto polas técnicas de normalización lingüística do Concello da Coruña e da Universidade da Coruña, Nuria Seoane Bouzas e Marisol Ríos Noia, ademais de por Anxa González Refoxo, da AS-PG, e Rosa Moreiras Cuñarro, da CTNL, como representantes dos proxectos gañadores na edición anterior.


O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e actuou como secretaria a técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña Dores Sánchez Alegre.

O xurado estimou que o grupo Pirilampo merece o Rosalía de Castro "pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre os máis pequenos, coa implicación das familias e das escolas". Destaca tamén o seu labor de "achegar á infancia á realidade máis próxima dunha maneira positiva, lúdica, moderna e divertida" e por "contribuír con novos materiais á socialización da infancia en lingua galega".

Por outra banda, da Galipedia, o xurado destaca a súa condición de ser "un proxecto dinámico, amplo e en constante actualización que chega e implica a moitos e diversos sectores da poboación e que promove a visibilización e o prestixio" do galego, "tanto dentro como fóra de Galicia". Valoran tamén que Galipedia sexa un "proxecto colaborativo, aberto á participación e caracterizado pola diversidade.

O pasado ano o proxecto Apego e a AS-PG foron os gañadores do Premio Rosalía de Castro de Lingua.

A AS-PG foi a primeira editora dos discos de Pirilampo, á venda na nosa tenda