O Tío Marcos non foi o primeiro

    AS-PG
    De AS-PG
    https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/tio-marcos-non-foi-primeiro/20180209120215065921.html

    O sete de febreiro celébrase o Día dos Medios en Galego. En 2018 o Parlamento de Galiza oficializou o Día dos Medios en Galego a través dunha declaración lida polo seu Presidente. Na declaración explícase a elección da data, 7 de febreiro, por ser a do nacemento de O Tío Marcos d’´A Portela, afirmación que é verdade, e que vai acompañada de outra que non é: a de ser O Tío Marcos a “a primeira publicación escrita integramente en galego”.

    Subtitulado “Parrafeos co pobo galego” e impulsado por Valentín Lamas Carvajal, O Tío Marcos d´A Portela conseguiu un notábel éxito. A cabeceira toma o nome dunha figura histórica que viviu en Pontevedra a comezos do século XVIII e foi Martín Sarmiento quen primeiro nos falou del e quen o incluíu entre os protagonistas das súas coplas galegas. 

    Na declaración lémbrase que ao Tío Marcos sucederon nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira”. Mais esquécese unha que o precedeu: O vello do Pico-Sagro, esta si a primeira publicación escrita integramente en galego e 16 anos antes.