Sermos Galiza

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/xose-ramon-freixeiro-mato/sermos-galiza/20180402143259067486.html

Co título que encabeza estas liñas viu a luz hai uns anos a publicación que as acolle e nel sintetízase a vontade de ser e de existir dunha nación con nome e con idioma propios, o primeiro posto en cuestionamento e o segundo en situación preocupante. O galego, a pesar das modificacións no seu status nas últimas décadas, pasa por un dos momentos máis críticos da súa historia, fundamentalmente pola acelerada perda de falantes que se produciu no tránsito intersecular, como pon en relevo a comparación dos datos do mapa sociolingüístico de 1992 cos do mapa de 2004. A situación inverteuse de forma dramática, pois a posición cuantitativa amplamente maioritaria do galego virou minoritaria nese breve período temporal.