Sellier, inventor e fotógrafo de eclipses

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/sellier-inventor-fotografo-eclipses/20180629120606070188.html

A traxectoria de José Sellier como fotógrafo é ben coñecida. Se cadra aínda é máis a súa carreira como cineasta. No seu gabinete fotográfico da rúa de Santo Andrés foron visualizados varios títulos do catálogo Lumière, alén de proxectar os seus propios filmes. E foi premiado na Exposición de París de 1889 segundo comunicación recebida pola cámara de comercio da Coruña, de parte do presidente do Comité da Exposición.


En novembro de 1890,  Gaceta de Galicia informa de que o fotógrafo e veciño da Coruña solicitara “privilexio” de invención por un aparello mecánico xiratorio para obter copias nas prensas de fotografías.


Mais é o periódico La Mañana, da Coruña, quen nos dá detalle do invento e da saída cara a París para o presentar. O fotógrafo inventara un enxeñoso aparello rotatorio para exposición á luz dos clichés fotográficos, “invención única na súa clase e de grandes resultados para a arte”. 
O bon é que o aparello é un mecanismo sinxelo e funciona “con regularidade matemática”.

 

Screen Shot 2018-06-29 at 12.15.52É intención do autor, daí a solicitude de patente, a venda en exclusiva nas principais cidades de América e Europa. Por iso, e polo desexo de coñecer os adiantos da arte fotográfica, que prospera de día a día, Sellier parte a París nese mesmo ano.


Anos despois, o dezasete de abril de 1912, houbo unha eclipse total de sol, só visíbel por terras de Valdeorras e Monterrei, e alí aparece Sellier para impresionar aquela rareza celeste.

 

A eclipse, unha das tres que se produciron a principios do século XX visíbeis na Galiza e anunciada na prensa desde un ano antes, foi obxecto de numerosos artigos especializados. Unha das súas peculiaridades foi a súa duración, só uns segundos e que a única rexión continental onde se viu foi nunha franxa de apenas cinco quilómetros de ancho, nun eixo que tiña Porto e Xixón como extremos e Viana do Bolo, Valdeorras e Verín por centro. Nesta liña foi onde se instalaron os equipos de observación. E alí foi Sellier para o fotografar.


Os días previos á eclipse foron de incerteza polas malas condicións meteorolóxicas, que podían facer fracasar as observacións científicas, mais todo foi ben e os científicos puideron observar o fenómeno con toda a nitidez. Para o público común o fenómeno foi decepcionante, segundo anotou José Comas Solá na Revista da Sociedade de Astronomía de España e América: "Xa tivo lugar o ansiado fenómeno astronómico. Para o público, en xeral, foi unha decepción. Para os astrónomos foi unha das eclipses máis importantes que se estudaron e cuxos resultados prometen ser, despois de discutidos, do maior interese". E iso que José Comás fixo mal os cálculos e instalouse máis de dous quilómetros fóra da liña central.

 

Screen Shot 2018-06-29 at 12.17.18Ourense seguiu con atención a eclipse, especialmente Verín, centro de operacións, entre outras razóns, pola boa infraestrutura hoteleira. E foron moitas as persoas que deixaron constancia do que vían. Ricardo Rivados, un mestre verinés, anotou: "A paisaxe presentouse triste e macilenta, e o frío era bastante intenso. As galiñas buscaban o seu albergue, e unha que vin e tiña os seus pitos, acubillounos debaixo das súas ás".


Tamén José Sellier deixou constancia do fenómeno astronómico nunha ducia de imaxes, que na tarxeta postal da época aparece datado, por erro, o 27 de abril de 1912 en vez do día que realmente sucedeu, o 17 de abril. 

 

Dous días antes, o 15, o Titanic entrara nas mestas sombras oceánicas, acubillando debaixo das súas ás o esplendor e o luxo da pasaxe de primeira clase e os soños non cumpridos da pasaxe de  terceira. Esta si foi unha eclipse total.