X


Belvís conta actualmente con: 477 Membros, 6 Grupos, 1 Fotos, 1 Videos de libre acceso Rexístrate,e participa!.

Sobre

As redes sociais poden converterse en canles de comunicación entre escola, sociedade e familia para, deste xeito, contribuír a crear unha institución aberta, actualizada e partícipe das características da sociedade e os seus problemas. Do que se trata é de aproveitar os vínculos que  xera o uso de redes sociais para fortalecer a interacción entre as institucións educativas e o resto de axentes sociais. Desta maneira, conseguirase ofrecer unha axuda ao alumnado para coñecer as oportunidades do mundo laboral, educativo, de lecer e a desenvolver destrezas para tomar decisións de cara a organizar a propia vida profesional .

Consciente desta realidade e destas necesidades, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) pon  á disposición do profesorado, e tamén das familias, esta REDE SOCIAL que ten como obxectivos o intercambio de experiencias e de recursos e conta ademais cun  A.V.E (ambiente virtual de aprendizado).

Poñemos en marcha esta rede por varias razóns.

• A primeira porque cremos que as redes sociais poden empregarse como ferramentas de grande potencial para facilitar a aprendizaxe e a interacción social, especialmente nunha sociedade caracterizada por un constante fluxo de información onde a aprendizaxe non se basea na apropiación de coñecementos, senón nun proceso de construción do coñecemento entre o alumnado e a súa contorna nun proceso no que se aprende, como en moitos xogos tradicionais, conectando os coñecementos xa existentes mentres creamos os novos.

• En segundo lugar porque as características sociais actuais esixen un repensar o concepto de educación para o considerar un proceso polo cal a persoa adquire unha serie de competencias chave que lle van permitir adaptarse de modo flexible a un mundo que está a cambiar con rapidez e mostra múltiples interconexións. Dúas desas competencias chave xa foron destacadas polo Parlamento e o Consello Europeo. Son , en primeiro lugar, a competencia dixital, baseada no uso de computadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, así como para comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet e, en segundo lugar, a capacidade de aprender a aprender, é dicir, a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos.

• E en terceiro lugar porque é preciso ofrecer ao profesorado galego e ás familias espazos de intercambio de opinións e traballo colaborativo na nosa lingua. Como movemento de renovación pedagóxica pereceunos importante pór en marcha esta iniciativa porque non queremos permanecer á marxe do que acontece na sociedade.